En 2016 a compañía obtivo por segundo ano consecutivo a máxima puntuación nos indicadores de innovación do informe Ardán de Economía e Competitividade e recibiu o Premio INEO polo desenvolvemento do produto máis innovador, destinado ao sector das comunicacións por satélite.
Alcanzar o 25 aniversario é un logro importante para calquera empresa, xa que é unha proba irrefutable de madurez e consolidación. Por este motivo, Egatel está de celebración tras 25 anos de ilusión, esforzo e firme compromiso con alcanzar a excelencia tecnolóxica, características que levaron a converterse nun fabricante de referencia de sistemas de transmisión de TV.
Egatel fundouse en 1992 da man de Esteban Solleiro, Enxeñeiro de Telecomunicacións ourensán, iniciando a súa actividade no sector doméstico de recepción de TV por satélite e no mercado profesional de microrepetidores analóxicos para TV. En poucos anos a compañía obtén a homologación como fabricante de equipos broadcast profesionais e amplía a gama de produtos a transmisores e reemisores analóxicos e dixitais de baixa, media e alta potencia.
No ano 1999 logra a adxudicación do contrato para o primeiro despregamento da rede de TDT en España e que cos anos lévalle a converterse no principal provedor de equipos de transmisión de TV Dixital en España para o chamado “Apagamento Analóxico”, fornecendo a Abertis Telecom (actual Cellnex), principal operador de rede en España, máis de 7.600 transmisores e reemisores , así como aos operadores rexionais Retegal en Galicia, Axión en Andalucía e Aragón Telecom en Aragón.
A partir do ano 2007 iníciase un proceso de internacionalización, que deriva nun período de crecemento empresarial sostido, que se mantén na actualidade, e durante o cal a empresa se sitúa na contorna internacional como unha empresa á vangarda do desenvolvemento tecnolóxico, participando nos despregamentos de TDT de países como México, Alxeria, Tanzania, Marrocos, Arxentina, Colombia, Kenia, Uruguai, Chile ou Panamá, entre outros. Actualmente o 85% da cifra de negocios provén do exterior.
Nos últimos anos EGATEL estivo levando a cabo unha estratexia de diversificación, apostando polo deseño de produtos e servizos orientados á apertura de novos nichos de mercado. O máximo expoñente desta estratexia é o SmartLNB, un produto que está a revolucionar o sector das comunicacións por satélite. Seguindo esta liña estratéxica, no período 2015 – 2016 a empresa investiu máis de 3,5 millóns de euros en I+D+I e participou en diferentes proxectos de innovación en colaboración con outras empresas, universidades e centros tecnolóxicos no ámbito das comunicacións marítimas, aeronaves non tripuladas e vehículos conectados.
Aínda que a sede central atópase en Ourense, EGATEL ten delegacións en Madrid, Arxentina, Chile e México. Actualmente conta cun persoal de máis de 60 técnicos e enxeñeiros cunha alta cualificación en Sistemas e Electrónica de Telecomunicacións. Egatel está integrada na área de Servizos e Tecnoloxía de COMSA Corporación, grupo referente no sector das infraestruturas e a enxeñaría a nivel mundial.