Tal e como se demostrou nas últimas décadas, é practicamente indiscutible o poder de transformación da sociedade e capacidade para difundir o coñecemento que ten o sector TIC. Desde finais do século pasado até a actualidade, vivimos un vórtice de saltos tecnolóxicos, practicamente sen pausa entre un e outro, que contribuíron a modificar completamente o noso modo de vida e a maneira na que nos relacionamos. Precisamente debido a esa velocidade no lanzamento de novas tecnoloxías e inmediatez no seu consumo, provocada en moitos casos pola gran competencia que existe no mercado (toda vez que deixou de ser local para converterse en global), quizáis sexa agora un bo momento para pulsar o botón de “pausa” e analizar os próximos retos aos que nos enfrontamos desde a Industria, así como avaliar en que podemos mellorar para que o sector TIC siga tendo no futuro a relevancia e capacidade de impacto que ten na actualidade.
Calquera iniciativa que proveña deste ámbito, por pequena que sexa, ten un gran potencial de alcance. Estas iniciativas poden ser en forma de startups ou proxectos concibidos no seo dos departamentos de innovación das grandes empresas. No entanto, con máis frecuencia da desexable, moitas destas iniciativas vence bloqueadas antes de se poidan materializar nun produto ou servizo útil para a sociedade.
No caso das startups ou microempresas, a miúdo enfróntanse a problemas de financiamento. Por desgraza, esta é unha tónica que se repite con bastante frecuencia en Europa e en menor medida en países como Estados Unidos ou Israel, onde prevalece un modelo que fomenta (e financia) o desenvolvemento científico e tecnolóxico tanto desde o ámbito privado (a través de organizacións de Business Angels, Fondos Tecnolóxicos de Capital risco, etc.) como desde a Administración Pública con programas específicos para sectores estratéxicos (Aeroespacial, Defensa, Enerxía, Saúde, etc.) dotados de orzamentos moi elevados. Tamén é certo que na Unión Europea leváronse a cabo importantes iniciativas neste sentido, como o VII Programa Marco ou o actual Horizonte 2020, así como o financiamento de grandes proxectos a través de organizacións como a Axencia Espacial Europea ou o CERN. Por outra banda, o modelo europeo tamén ten vantaxes sobre o americano, como unha maior regulación que protexe ao consumidor, aspecto que se atopa hoxe en día no centro do debate (asombrosamente a porta pechada) do acordo TTIP de libre comercio entre Europa e Estados Unidos. Precisamente na construcción dese acordo, por encima dos intereses particulares conviría aplicar o sentido común para construír una novo paradigma tomando o mellor de cada modelo. Isto tamén é innovación: partir dun sistema funcional e dotalo de melloras para adaptalo ás necesidades particulares dunha rexión xeográfica determinada ou dun sector da poboación en particular.
No seo das grandes empresas, un problema ao que se enfrontan os departamentos de innovación é que cada proxecto que se pretenda impulsar debe ir acompañado dun modelo de negocio no que os beneficios estimados supoñan un movemento considerable na facturación global da compañía. En caso contrario, xeralmente o proxecto abandónase. É dicir, prefírese investir en proxectos máis arriscados ou “estratéxicos” a medio e longo prazo, cuxa utilidade ou aceptación no mercado é incerta, pero que de materializarse proporcionaría un elevado retorno económico. Desta forma, múltiples produtos ou servizos capaces de achegar beneficios a determinados segmentos da sociedade nunca chegan a ver a luz. Quizais, como adoita ser habitual, exista unha vía intermedia que poida conciliar a viabilidade das compañías e a repartición de dividendos entre os seus accionistas co desenvolvemento científico e tecnolóxico a curto, medio e longo prazo que, á fin e ao cabo, é un alicerce fundamental do progreso das sociedades modernas e do estado do benestar.
Doutra banda, non se debe perder de vista que nos últimos tempos producíronse cambios socio-políticos importantes, na súa maioría orixinados pola crise económica que afectou duramente a Europa en xeral, e a España en particular, que poden provocar unha deriva cara a un modelo produtivo máis proclive á competencia en custos que en innovación e desenvolvemento tecnolóxico. Aínda que é certo que hai determinados sectores que son moi sensibles ao prezo, como o da electrónica de consumo, non se debe descoidar por iso aspectos tan relevantes como a calidade e fiabilidade. Se un determinado país opta por un modelo de competencia baseado unicamente en ofrecer ao mercado produtos ou servizos con prezos moi reducidos, entón a principal vía para logralo é a través da redución de custos e, por tanto, de salarios. Como consecuencia, o poder adquisitivo da poboación redúcese proporcionalmente e a demanda interna dese país contráese. Por tanto, a única vía para poder incrementar o PIB sería a exportación. Con todo, no momento en que se compite no mercado exterior exclusivamente en custos, afróntase a ameaza de que unha compañía rival ofreza o mesmo produto ou servizo a un prezo inferior. Dado que non existen elementos diferenciadores, o consumidor final optará pola opción máis barata.
Pola contra, un sistema que incide na diferenciación a través da especialización e no deseño de produtos e servizos de alta tecnoloxía non só crea demanda interna e externa, senón que favorece o desenvolvemento social da poboación, impulsando un sistema educativo de excelencia capaz de achegar ao tecido industrial traballadores coa máxima cualificación.
Un exemplo que proba a eficacia desta clase de modelos produtivos é o proceso pioneiro levado a cabo polo noso país na transición da TV Analóxica a Dixital, o que abriu a porta a unha maior oferta de contidos e formatos, novos servizos (móbiles, interactivos, etc.) e coa máxima calidade de imaxe (UHD). España encabezou a nivel mundial este proceso de transformación, no que Egatel participou mediante o deseño dos equipos transmisores de alta tecnoloxía necesarios para poder despregar a rede dixital. Desta maneira, ofrecendo productos innovadores, fiables e con alto valor engadido, logrouse saír ao mercado exterior e competir fronte a fronte coas grandes multinacionais do sector.
Convén por tanto realizar unha reflexión profunda e serena, poñendo en valor todo o que logramos até o momento, pero analizando tamén de forma crítica todos os ámbitos suxeitos de mellora para finalmente determinar cara a onde queremos dirixirnos e como queremos chegar. Entón estaremos en condicións de pulsar de novo o botón “Play” para retomar con paso máis firme o papel de liderado do sector TIC como motor de crecemento económico, desenvolvemento social e divulgación da educación e o coñecemento.
Francisco Javier Valdés Sánchez
DIRECTOR DE INNOVACIÓN